Castellano Galego

1 DE ABRIL: O TEATRO COLÓN ACOLLEU O ACTO DE CELEBRACIÓN DO "DÍA DAS ARTES GALEGAS 2019"

Ampliar imaxe
Ampliar imaxe

Ampliar imaxeAmpliar imaxe
Ampliar imaxeAmpliar imaxe
 
O “creador polifacético” Luis Seoane recibe o aplauso das artes galegas polo seu empeño en dignificar a cultura de Galicia e transmitir as súas vontades ás novas xeracións
Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes: “Foi un creador de formas, teórico da arte e divulgador da cultura galega, un galego universal na diáspora arxentina, que atopou na cidade da Coruña a súa base inspiradora”
Xosé Díaz Arias de Castro, académico da sección de Artes da Imaxe: “O seu legado axudará a que a memoria de Luis Seoane perdure por moitos anos e o seu descomunal esforzo consiga prender na Galicia do futuro”
 
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou hoxe na Coruña, no Teatro Colón, un acto solemne para conmemorar o “Día das Artes Galegas 2019” dedicado este ano a Luis Seoane López (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), para profundar e difundir a súa figura como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante, ilustrador, pintor, gravador, muralista, editor, escritor, xornalista e promotor cultural e industrial. Colaboraron na organización do evento a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.
 
Co acompañamento musical do pianista Brais González iniciouse un acto que foi presentado polo actor e escritor Santiago Fernández, e que contou co discurso inaugural do presidente da Academia, don Manuel Quintana Martelo, e a asistencia e intervencións do presidente da Xunta de Galicia, don Alberto Núñez Feijóo, o delegado do Goberno en Galicia, don Javier Losada de Azpiazu; o presidente da Deputación da Coruña, don Valentín González Formoso; o alcalde da Coruña, don Xulio Ferreiro Baamonde; e o presidente da Fundación Luis Seoane e concelleiro de cultura do Concello da Coruña, don José Manuel Sande García. Ademais, asistiron ao evento o director Xeral de Políticas Culturais, don Anxo Lorenzo Suárez; o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, don Diego Calvo Pouso; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), don Julio E. Abalde Alonso; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra Rei; a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira Castro; e en representación do Consello da Cultura Galega dona Ángeles Penas Truque. O académico numerario da sección de Artes da Imaxe, don Xosé Díaz Arias de Castro, pronunciou unha sincera e honesta laudatio titulada “Significado de Luis Seoane no contexto da cultura galega do século XX”.
 
Don Manuel Quintana Martelo destacou que o Día das Artes Galegas é unha celebración destinada a recoñecer o “traballo feito, os camiños abertos, as ensinanzas recibidas e a posibilidade que admiten as obras de novas lecturas, de olladas contemporáneas que nun futuro servirán de guías”. Nesta ocasión, o presidente sinalou que o Día das Artes Galegas, como acto de chamada e para “non dar a esquecemento”, está dedicado a Luis Seoane, “un creador de formas, teórico da arte e divulgador da cultura galega, un galego universal na diáspora arxentina, que atopou na cidade da Coruña a súa base inspiradora”.
 
Quintana Martelo lembrou o tándem de Seoane con Isaac Díaz Pardo,  ideólogos e creadores do Laboratorio de Formas de Galicia, “herdo evolucionado da iniciativa truncada pola Guerra Civil e a intolerancia” do Seminario de Estudos Galegos, que sentaron as bases éticas e estéticas das “industrias da memoria”. Ademais, o presidente explicou que Luis Seoane foi unha “ponte do onte ao noso hoxe”, un artista integrador das artes e creador de múltiples conceptos que percorre de xeito tan brillante ao longo da súa vida.
 
Avanzar cara adiante pero sen esquecer o pasado
 
Na súa viaxe temporal pola intensa vida e obra de Luis Seoane, don Xosé Díaz Arias de Castro comezou o seu relato compartindo co público do teatro o adxectivo principal que, ao seu parecer, define a Luis Seoane, a súa condición de “creador polifacético”. O académico resaltou a gran complexidade da figura dun artista que cultivou numerosas disciplinas e puxo en marcha iniciativas de gran valor cultural que transcenderon a súa época ata a actualidade. O  resultado foi, segundo Xosé Díaz, unha vida “fértil e chea de vicisitudes” e unha obra extensa e diversa que se caracterizou pola súa vontade de dotar á cultura galega dunha dignidade –presa polo atraso secular e a Guerra Civil– e darlle continuidade desde o seu exilio cunhas formulacións rexeneradoras e vangardistas alimentadas da historia, as tradicións populares e as formas culturais autóctonas.
 
Cun transcorrer vital marcado claramente pola permanente viaxe de regreso da Arxentina da emigración e o exilio á Galicia, que primeiramente abandonou a familia por cuestións económicas e máis tarde el mesmo pola persecución ideolóxica, Xosé Díaz mergullouse na biografía do creador. Nacido en Bos Aires, Luis Seoane regresa a terras galegas, concretamente á Coruña, con tan só seis anos en 1916. Coa década dos vinte recentemente estreada, a familia trasládase a Santiago de Compostela onde residirán ata 1934. E en Compostela Seoane desenvolve a súa formación académica e, por suposto, a súa formación artística e política.
 
Xosé Díaz lembrou as ensinanzas que Luis Seoane aprendeu da man do mestre Carlos Maside nos seus inicios artísticos: “unha persoa que coa súa extraordinaria calidade humana, as súas inquedanzas plásticas e intelectuais e o seu compromiso con Galicia e a modernidade, constitúen para Seoane o facho que iluminará a súa xuventude e o iniciará no coñecemento e valoración do mundo campesiño e as súas tradicións e as formas herdadas do románico”, unha admiración que deriva finalmente nunha sólida e perdurable amizade. “Consideraba o medioevo como a etapa máis brillante da historia de Galicia, que resultou un foco de constante inspiración para a súa obra plástica e literaria, convertendo estes séculos nun espazo simbólico de recuperación identitaria e moral capaz de restablecer as bases da autoestima” –precisou Díaz–.
Ademais de manter o respecto polas raíces culturais de Galicia, Xosé Díaz lembrou que Seoane non perdía detalle das vangardas europeas, especialmente o expresionismo alemán, sendo fiel ao pensamento de “avanzar cara adiante pero sen esquecer o pasado”.
 
En canto á formación política de Seoane, Xosé Díaz sitúa tamén a Compostela no epicentro da súa actividade, que comezou coa militancia de Seoane na Federación Universitaria Escolar onde actuaba como un mozo de gran actividade política. Así mesmo, participa na creación da Federación Republicana Gallega e na Agrupación Nacionalista Independente, forma parte do equipo que traballa no Anteproxecto de Estatuto de Galicia e publica debuxos satíricos en “El Pueblo Gallego” e en varias revistas que axudou a fundar e dirixir.
 
Na faceta de promotor cultural, Xosé Díaz centrouse no papel de Seoane como editor, ilustrador e deseñador dos tres primeiros poemarios de Álvaro Cunqueiro (“Mar ao norde”, “Poemas do si e non” e “Cantiga nova que se chama Riveira”), ademais da súa colaboración con Ánxel Casal na imprenta e editorial Nós. 
 
Xosé Díaz continuou a súa exposición co regreso de Seoane á Coruña en 1934, ao terminar a carreira de Dereito, época na que se asenta persoalmente con Maruxa e nas outras vertentes da súa vida, comezando a traballar como avogado laboralista e afiliándose ao Partido Galeguista. Por suposto, Seoane segue a implicarse no Plebiscito do Estatuto de Autonomía e deseña o célebre cartel onde un polbo xigantesco simboliza o centralismo: “O Estatuto libertará a Nosa Terra”, reza o texto do cartaz, que xunto aos de Castelao, Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo axudarán ao éxito da consulta.
 
Un auténtico representante da cultura arxentina
 
Co golpe de estado contra a República en 1936, Seoane ten que fuxir ao ser ameazado de morte pola Falanxe, primeiro a Lisboa onde embarcará cara a Bos Aires. Xosé Díaz describiu a intensa actividade de Seaone, en terras americanas, a favor da República. “Nun longo desterro de 30 anos, Seoane desenvolve unha actividade febril na dinamización cultural e política da Galicia do exilio” –indicou–. Facendo uso da súa nacionalidade arxentina, Seoane convértese nun personaxe imprescindible do ámbito cultural do país, e publica en 1937 o seu primeiro libro en Arxentina, “Trece estampas de la traición”, un pequeno álbum de debuxos no que amosa ao mundo a “brutal” represión que sofre Galicia. “Estes trece debuxos de sátira e denuncia constitúen, xunto aos álbums de Castelao, un documento excepcional da dramática realidade galega” –argumentou o académico–.
 
Xa asentado plenamente en Arxentina, entra en contacto con outros compañeiros exiliados. Con Arturo Cuadrado, Lorenza Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar crea diferentes editoriais, funda varias revistas e da vida a unha audición radial para a que escribe 1.337 crónicas referidas a Galicia, á vez que desprega unha tremenda actividade artística. “A partir de 1945, Seoane comeza unha actividade pictórica meteórica que non abandonará e que o situará no cumio e o recoñecemento oficial, ao recibir en 1962 o Premio Palanza, a máis alta distinción das artes plásticas arxentinas, así como o seu nomeamento en 1968 como membro da Academia Nacional de Belas Artes da República Arxentina” –lembrou Xosé Díaz–. Destacou tamén por unha importante actividade muralista, e fóra da plástica, converteuse nun dos principais referentes do deseño gráfico arxentino dos anos 40 e 50, todo acompañado dunha considerable obra literaria ao servizo de Galicia.
  
O retorno a Galicia e o Laboratorio de Formas
 
A partir de 1963, Luis Seoane comeza o seu retorno a Galicia para instalarse na súa querida Coruña. Nesta nova etapa, Xosé Díaz narrou de xeito moi persoal como Seoane pon en marcha xunto ao seu pai, Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas, a sociedade instrumental que concibiran xuntos en Arxentina para materializar e encamiñar unha serie de proxectos en Galicia orientados a promover a memoria histórica. Como proxectos deste laboratorio, fundan Ediciós do Castro; inician o proxecto de restaurar a actividade cerámica de Sargadelos, empresa nacida na Ilustración que eles entendían como un exemplo de como transformar as materias primas galegas en produtos de alto valor engadido e cun evidente carácter identitario, para a que Seoane deseña as súas primeiras pezas; e crean o Seminario de Sargadelos, que despregou unha importante labor investigadora e pedagóxica ao longo de 40 anos.
 
“Toda a obra plástica de Luis Seoane está preñada dun forte carácter emocional, nun intento descomunal de dignificar a cultura de Galicia, rescatando a historia, as tradicións e os acontecementos en clave contemporánea para poñelos a disposición das novas xeracións” –explicou Xosé Díaz–. Unha parte importante da obra deste xenial creador, un conxunto de máis de 3.000 obras orixinais e unha valiosa documentación, está custodiada pola Fundación Luis Seoane. “O seu legado axudará a que a memoria de Luis Seoane perdure por moitos anos e o seu descomunal esforzo consiga prender na Galicia do futuro” –asegurou Xosé Díaz–.

Ligazón Enlace biografía oficial da Fundación Luis Seoane
Ligazón publicación  “Luis Seoane: Unha vida e unha obra con Galicia no fondo” por don Xose Díaz Arias de Castro 
Ligazón discurso laudatio "Significafdo de Luis Seoane no contexto da cultura galega do século XX" por don Xosé Díaz Arias de Castro"


Fecha: 01/04/2019







Contacto  |  Aviso legal  |  

ENTREGA DOS PREMIOS “MARCIAL DEL ADALID” A MEMBROS DA CORAL “DE RUADA” DE OURENSE. 26/04/2019
 
MARTES 30 DE ABRIL. CONCERTO: “DOA EN CONCERTO” 14/04/2019
 
O PRESIDENTE DO PARLAMENTO DE GALICIA VISITOU O DÍA 12 DE ABRIL A SEDE DA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES 12/04/2019
 
ANUNCIO DE PROVISIÓN DUNHA VACANTE DE ACADÉMICO DE NÚMERO DA SECCIÓN DE MÚSICA. 10/04/2019
 
​ABERTO O PLAZO DE DEDICACIÓN “DÍA DAS ARTES GALEGAS” 2020 02/04/2019
 
1 DE ABRIL: O TEATRO COLÓN ACOLLEU O ACTO DE CELEBRACIÓN DO "DÍA DAS ARTES GALEGAS 2019" 01/04/2019
 
​EMISIÓN DO SELO CONMEMORATIVO DO “DÍAS DAS ARTES GALEGAS” 2019 DEDICADO A LUIS SEOANE 07/03/2019
 
INICIATIVAS DE ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS PARA A CELEBRACIÓN “DÍA DAS ARTES GALEGAS”, EN HOMENAXE A LUIS SEOANE 06/03/2019
 
EDICIÓN DE “AVANT LA LETTRE” CARTAZ PARA A CELEBRACIÓN DO DÍA DAS ARTES GALEGAS EN HOMENAXE A LUIS SEOANE REALIZADO POR QUINTANA MARTELO 05/03/2019
 
CONCESIÓN MEDALLA DE OURO “MARCIAL DEL ADALID” Á CORAL POLIFÓNICA DE BETANZOS 04/02/2019
 
CONCESIÓN DOS PREMIOS “MARCIAL DEL ADALID” Á CONSTANCIA MUSICAL NA SÚA VERSIÓN PERSONALIZADA 03/02/2019
 

Desarrollo web: Brigantia