Castellano Galego

ENTREGA DOS PREMIOS “MARCIAL DEL ADALID” A MEMBROS DA CORAL “DE RUADA” DE OURENSE.

Ampliar imaxe
Ampliar imaxe

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) entregou o sábado, 27 de abril, o Premio “Marcial del Adalid” á constancia musical, na súa versión personalizada, a membros da Coral De Ruada de Ourense, que este ano conmemora o seu centenario. O acto, que se celebrou no salón de plenos da Excma. Deputación Provincial de Ourense, contou coas intervencións do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, don Manuel Quintana Martelo; o académico numerario da sección de Música, don Maximino Zumalave Caneda; e o presidente da Coral De Ruada”,don Samuel Lago Fernández; ademais da asistencia do alcalde do Excmo. Concello de Ourense, Jesús Vázquez Abad e do deputado de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Ourense don Manuel Doval Soto.
 
Os vinte e un compoñentes da coral ourensá recibiron un diploma e a insignia “Marcial del Adalid” á constancia musical: don Julio Pérez Dorribo, don Xaquín Vales Rodríguez, don Raúl Cachaldora Fernández, don Óscar Luis Vázquez Fernández, don Alfonso Fidalgo Conde, don Manuel Souto Prieto, dona Ana María Herrero Prieto, dona Florita Outeiriño Fernández,dona Pilar Baltar Rodríguez, don Juan José Alonso Merino, don Emilio Rodríguez Portabales, don Desiderio Martínez Vila, dona María Isabel Pérez Martínez, dona Jesusa Varela García, don Álvaro Iglesias Montes,dona María Belén Vázquez Lamela, dona Luisa Rodríguez Nóvoa, dona Lourdes Rodríguez Mira, don Juan Canal López, dona Fátima María Malingre Grande e dona María Blanca Taboada Montes.
 
Tomando como punto de partida que a música é unha das artes máis significativas do mundo cultural, don Manuel Quintana Martelo destacou que este galardón exemplifica o compromiso da Real Academia Galega de Belas Artes coa difusión e promoción do mundo musical de Galicia, e nesta ocasión premia aos membros da Coral De Ruada pola súa “constancia, calidade artística, esforzo persoal e colectivo que fan posible que a tradición coral galega sexa parte da nosa identidade”.
 
O presidente precisou que o premio foi creado en 1949 para honrar a práctica musical non profesional, que de forma desinteresada e constante veñen realizando persoas e institucións de Galicia, mediante a súa participación e mantemento de agrupacións artísticas. “Valoramos os méritos de membros de varias xeracións de cantores e instrumentistas que dedicaron o seu tempo á música deixando testemuño de entusiasmo e dándonos exemplo para o futuro. Recoñecemos a importancia da obra realizada, a súa entrega altruísta e amor á música. Todos eles contribuíron de maneira impagable á transmisión e goce dun patrimonio musical de gran riqueza, mantendo vivas as corais galegas” –asegurou–.
 
Don Samuel Lago remontouse ás orixes e asegurou que o obxecto principal do coro no seu nacemento en 1918 segue vixente na actualidade: “A difusión do rico patrimonio cultural e polifónico galegos”. O presidente agradeceu aos académicos a concesión desta insignia, que algúns coralistas De Ruada xa recibiron en 2009 e locen orgullosos nas lapelas dos seus traxes.
 
No día de hoxe, reciben esta distinción vinte e un membros, “mulleres e homes que dedicaron e seguen a dedicar unha boa parte do seu tempo a facer posible que a aventura teña continuidade e estea a cumprir os cen anos de existencia” –apuntou Samuel Lago–. Pero para que esta continuidade sexa posible, Samuel Lago manifestou que cómpre que a sociedade tome conciencia da importancia de manter “un sinal de identidade tan forte” como é para Ourense e Galicia a Coral De Ruada. “É preciso que a sociedade se achegue e cante con nós, que queira formar parte da gran familia ruadista” –dixo o presidente–, aínda que sinalou que hai factores como o ritmo de vida, os usos e costumes actuais que dificultan o labor de captación de novos coralistas, sobre todo entre a mocidade.
 
A Coral De Ruada naceu en 1918 da man dos ourensáns Xabier Prado “Lameiro”, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández González, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla, aínda que a súa presentación oficial ante o público non foi ata 1919. Ao longo da súa historia recibiu multitude de recoñecementos: Placa de Ouro do “Centro Gallego de Buenos Aires” (1931); Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984); Pedrón de Ouro (1990); Medalla de Bronce de Galicia (1992); Medalla de Ouro do Liceo Recreo Ourensán (1994); Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994); Premio “Manuel Lorenzo” do Real Coro Toxos e Froles do Ferrol (2002); Medalla “Gaiteiro de Soutelo” (2007); Premio IAR (2008); Medalla de Ouro “Marcial del Adalid” da R.A.G. de Belas Artes “Nª.Sª do Rosario” (2009); Medalla Castelao (2013); Orgullo Gaiteiro (2015); e Premio Trasalba (2018).
 
E como broche final ao acto, a Coral De Ruada interpretou tres temas musicais: Alalá de Taboadela e Ourense (popular), Negra Sombra (Juan Montes Capón/ Rosalía de Castro) e o Himno Galego (Pascual Veiga/ Eduardo Pondal).
 
Esta distinción recibe o nome de Marcial del Adalid (A Coruña, 24 de agosto de 1826 - Pazo de Lóngora, Oleiros, 16 de outubro de 1881), un compositor galego, autor de obras de referencia no ámbito pianístico galego do século XIX, que nunca descoidou o seu interese pola música galega e o seu rico folclore. A súa obra, composta principalmente para piano, mostra a influencia do aprendido en París e en concreto do piano de Frédéric Chopin, músico que integrou elementos definitorios da música natal de Polonia nas súas mazurcas e polonesas. Marcial del Adalid seguiu este exemplo en varias das súas obras, máis concretamente nos “Cantares viejos y nuevos de Galicia” (1877).

Para consultar o programa do acto prema aquí

Fecha: 26/04/2019







Contacto  |  Aviso legal  |  

MÉRCORES 22 DE MAIO CONCERTO BENÉFICO A FAVOR DA “ASOCIACIÓN BENÉFICA RENACER” NA ACADEMIA DE BELAS ARTES 05/05/2019
 
ANUNCIO DE PROVISIÓN DUNHA VACANTE DE ACADÉMICO DE NÚMERO DA SECCIÓN DE MÚSICA. 02/05/2019
 
1 DE ABRIL: O TEATRO COLÓN ACOLLEU O ACTO DE CELEBRACIÓN DO "DÍA DAS ARTES GALEGAS 2019" 30/04/2019
 
EDICIÓN DE “AVANT LA LETTRE” CARTAZ PARA A CELEBRACIÓN DO DÍA DAS ARTES GALEGAS EN HOMENAXE A LUIS SEOANE REALIZADO POR QUINTANA MARTELO 29/04/2019
 
​EMISIÓN DO SELO CONMEMORATIVO DO “DÍAS DAS ARTES GALEGAS” 2019 DEDICADO A LUIS SEOANE 28/04/2019
 
INICIATIVAS DE ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS PARA A CELEBRACIÓN “DÍA DAS ARTES GALEGAS”, EN HOMENAXE A LUIS SEOANE 27/04/2019
 
ENTREGA DOS PREMIOS “MARCIAL DEL ADALID” A MEMBROS DA CORAL “DE RUADA” DE OURENSE. 26/04/2019
 
CONCESIÓN MEDALLA DE OURO “MARCIAL DEL ADALID” Á CORAL POLIFÓNICA DE BETANZOS 25/04/2019
 
CONCESIÓN DOS PREMIOS “MARCIAL DEL ADALID” Á CONSTANCIA MUSICAL NA SÚA VERSIÓN PERSONALIZADA 25/04/2019
 
O PRESIDENTE DO PARLAMENTO DE GALICIA VISITOU O DÍA 12 DE ABRIL A SEDE DA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES 20/04/2019
 
​ABERTO O PLAZO DE DEDICACIÓN “DÍA DAS ARTES GALEGAS” 2020 02/04/2019
 

Desarrollo web: Brigantia