1 DE ABRIL: LEMBRANZA A DOMINGO DE ANDRADE COA COLOCACIÓN DUNHA PLACA CONMEMORATIVA NO SEU LUGAR DE ENTERRAMENTO
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presidiu, o día un de abril, un acto institucional en lembranza do arquitecto Domingo de Andrade, persoeiro homenaxeado en 2020 e 2021 no Día das Artes Galegas. O evento celebrouse na Capela da Concepción da Catedral de Santiago, lugar onde está soterrado Andrade, e na nave de Azabachería coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.
Os asistentes enxalzaron o esplendor da obra de Andrade como “formulador da imaxe de Santiago na contorna da Catedral”, recoñecemento simbólico do que a Real Academia Galega de Belas Artes, en colaboración coa Fundación Catedral, quixo deixar constancia co descubrimento dunha placa conmemorativa a carón da súa tumba. Tamén asistiron ao evento membros da Xunta de Goberno da Academia e diversos académicos, así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Blanco; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán; e o arquitecto do Plan Director da Catedral de Santiago, Javier Alonso de la Peña.
Manuel Quintana Martelo salientou a importancia da figura de Domingo de Andrade nos ámbitos internacional e galego do Barroco, e indicou que esta lembranza, ao igual que un acto solemne con público previsto para máis adiante, ten como obxecto o estudo, difusión e posta en valor dos seus edificios e a calidade da súa obra como arquitecto e retablista, “un ceense de proxección universal que levantou obras tan monumentais como a Torre do Reloxo de Santiago”.
O presidente da RAGB subliñou que, a partir de 1676, na obra da coñecida popularmente como Torre da Berenguela –unha construción de empeño colectivo do Cabido e dos santiagueses– Andrade contaba con 37 anos e o seu recente estreo na condición de mestre de obras da Catedral de Santiago, categoría máxima á que un arquitecto podería aspirar na Galicia daqueles tempos.
“O arquitecto do Barroco galego incorpora a construción da cidade como a gran protagonista da súa arquitectura, como se aprecia nun percorrido detido pola Praza da Quintana para ver a Torre do Reloxo, o Pórtico Real, a Casa da Conga e a Casa da Parra e a cuberta da Capela do Pilar, todos eles edificios que enriquecen o espazo urbano nos que se atopan” –argumentou–.
Coa prudencia individual e colectiva necesarias ante a covid-19, a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu prolongar a homenaxe a este Ano Xubilar 2021, no que a celebración da efeméride coincide en Xoves Santo, un día sinalado para dedicalo a un tempo de florecer nas artes, o Barroco galego, así como á singularidade que exerceu esta época no propio Domingo de Andrade. Con tal motivo, a RAGB realizará ao longo do ano varias actividades, completadas cunha serie de estudos e publicacións divulgativas.
Cartel do Día das Artes Galegas
O cartel para a celebración do “Día das Artes Galegas” en homenaxe a Domingo de Andrade foi deseñado polo académico de número da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta Institución.
O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na última edición de 2019 a figura homenaxeada foi Luis Seoane, teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia. Mentres en anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).
Fecha: 05/04/2021
|
|
|