TEXTO DA XUNTA DE GOBERNO DA ACADEMIA RELATIVO AO PECHE DE CENTROS CULTURAIS DEPENDENTES DO CONCELLO DE OURENSE
Inclúese a continuación o texto realizado pola Xunta de Goberno da Academia encol á noticia publicada o pasado 20 de xaneiro en La Región de Ourense:
https://www.laregion.es/articulo/ourense/artistas-insisten-alcalde-es-analfabeto-artistico/202101192214211000250.html
A Real Academia Galega de Belas Artes, ante as diferentes noticias coñecidas a través dos medios, así como das manifestacións presentadas ante esta corporación por académicos e cidadáns, no só de Ourense, respecto ao posible peche de centros culturais dependentes do Concello de Ourense, como son a Sala J. A. Valente, o Museo Municipal, entre outros, así como polo menosprecio mostrado pola Alcaldia a propostas de creadores, tras acordo da Xunta de Goberno desta decana institución sinte a necesidade de facer chegar ao Alcalde, como Presidente da Corporación Municipal o acordo que sigue:
“o desexo de que se reconsidere a necesidade de potenciación en todos os ámbitos os centros culturais abertos polo Concello, buscando fórmulas de xestión para que cumplan os seus fíns, así como os desexos dos que cos seus aportes de interese cultural contribuiron á dotación dos mesmo. Políticas que entrarían dentro das ansias de canto significou e significa Ourense como referente na creatividade, nas vangardas e na dinamización cultural. Asume esta corporación o que significa a perda de espazos de memoria, de dinamización cultural e obra vinculada a pensadores e creadores dos dous últimos séculos, como aos mesmos “Artistiñas”, os que singularizaron a Ourense”.
A Real Academia Galega de Belas Artes - que ten entre o seu fin primordial a salvagarda, estudo e difusión do patrimonio cultural galego e dos seus creadores, para este tempo de reprantexamentos - insiste na necesidade de ofrecer respostas “cultas”, máis aínda cando se denota que a cultura, que significa creación, tradición, palabra, relacións... como resposta individual e colectiva é o mellor remedio para unha sociedade en liberdade e convivencia, isto é para o humanismo.
Coa mellor ansia e desexos de reconsideración.
Pola Xunta de Goberno da Real Academia Galega de Belas Artes.
Fecha: 25/01/2021
|
|
|