FONDO PESAR POLO PASAMENTO DA ILUSTRE ACADÉMICA DE HONRA DNA. ELENA COLMEIRO GONZÁLEZ
A Real Academia Galega de Belas Artes expresa o seu fondo pesar polo pasamento da escultora Elena Colmeiro. Académica de Honra da institución, fora nomeada o 26 de outubro de 2019, quedando pendente o seu ingreso na Academia debido á situación actual provocada pola COVID.
Nacera en Costela, no municipio de Silleda en 1932, emigrou aos 9 anos a Bos Aires onde se formou na Escuela Nacional de Cerámica. Interesouse desde nova pola creación artística. En 1955 regresa a Galicia para continuar coa súa actividade artística e casa con Jesús Valverde, cuxa familia posúe fábricas de vidro, que permitirá a Colmeiro utilizar as súas infraestructuras para producir as súas obras. Nesta época marca a distancia coa figuración, influida pola observación dos fragmentos de cerámica que vía nos obradoiros feito que lle leva a experimentar co esmalte e materiais refractarios desembocando no informalismo. Perfeccionou a súa técnica accedendo a bolsas de viaxe para artistas en países como Holanda, Estados Unidos, Polonia ou Italia, así como a participación en exposicións a nivel nacional como internacional.
Na década dos 90 ten a oportunidade de realizar unha estancia investigadora no Euroepan Ceramics Work Centre de Holanda, onde proseguirá o seu traballo con materiais refractarios e con óxido combinando diversos materiais como o carburo de silicio e óxido, aportando maior expresividade, e enriquecendo con cores, formas xeométricas e texturas. Fotografía:
Xurxo Lobato
Fecha: 25/02/2021
|
|
|