Prosegue o Ciclo “Artistas Galegos. O autor e a súa obra” desta tempada, actividade coordinada por Xurxo Lobato e encadrada nos “Martes das Artes”, nos que se coñece de primeira man a obra dos creadores galegos explicada por eles mesmos; saber o seu proceso creativo, as motivacións para crear ou a evolución da súa traxectoria.
O cuarto acto do ciclo terá lugar o vindeiro martes 20 de maio co fotógrafo e gañador do Premio Ortega y Gasset 2025 Óscar Corral, que finalizará o día 27 coa tamén fotógrafa Victoria Diehl.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña).
ÓSCAR CORRAL
Nace en Santiago de Compostela en 1981. Comezou a traballar como fotógrafo en 2003 en La Voz de Galicia, despois de interesarse polo fotoxornalismo durante a traxedia ecolóxica do Prestige, que documentou de xeito autodidacta, tras ser rexeitado durante varios anos na Escola Superior de Fotografía de Santiago. Isto non esgotou o seu interese pola fotografía, e comezou unha andaina auto formativa que o levou a traballar como axudante de varios fotógrafos profesionais da época onde desenvolveu un coñecemento extenso en técnicas de laboratorio fotográfico. O seu paso pola Voz, levouno a traballar nas delegacións de Santiago de Compostela, Barbanza e Lugo, onde foi completando a súa formación fotoxornalística da man dos distintos compañeiros cos que compartía encomendas ata 2006. Tras un pequeno paso pola fotografía institucional no executivo galego (Xunta de Galicia) onde ocupouse de documentar a acción do Presidente, retornou a prensa diaria na Agencia EFE onde ten publicado imaxes nas principais cabeceiras internacionais a través da European Pressphoto Agency (EPA). Algunhas de estas imaxes, foron destacadas no “Lens Picter of the day” do New York Times ou no “The 20 photographs of the week” do diario The Guardian. Desde 2009 traballa como fotógrafo do diario El País en Galicia, realizando unha cobertura gráfica en todos os eidos da sociedade galega, e que conforma un traballo extenso da Galicia actual, centrándose en problemáticas como os incendios forestais, o costumismo galego ou as distintas mobilizacións sociais que se desenvolven no pais.
Compaxina estes traballos con reportaxes internacionais, que o teñen levado a visitar mais de vinte países dos distintos continentes, entre as que pódense destacar a cobertura gráfica en 2019 da crise de refuxiados no mediterráneo e que lle fixo valer a mención de honra “Estaçao Imagem” por unha fotografía tomada a bordo do barco “Aquarius” da ONG “Médicos sen Fronteiras”. Tamén ten unha cobertura extensa sobre distintas problemáticas en Africa e especialmente no conflito do Sáhara, onde ten traballado en distintas ocasións nos últimos anos e que lle valeu o Premio Amanecer a la mejor fotografía 2021 por unha imaxe dun soldado que regresaba da fronte.
Algunhas desas reportaxes teñen sido publicadas en El País Semanal e algunhas imaxes foron incluídas na sección de “La Imagen” onde o xornalista José Millás destaca una fotografía que analiza. Ten recibido distintas distincións polas súas coberturas como o “Full-Focus” que distingue as mellores fotografías do ano segundo a axencia Reuters (2013) por unha imaxe tomada no accidente do Alvia. Tamén ten gañado a XXV Edición de Galicia en Foco por unha imaxe das tractoradas sucedidas en toda Galicia no conflito no prezo do leite en 2015. En 2023 xunto a outros fotógrafos e fotógrafas galegas conforma o Colectivo Ollo, onde publican reportaxes conxuntos e que lles levou a ser finalistas no Premio Gabo 2023, cunha serie titula “Lume” publicada na revista especializada en fotoxornalimo 5W. Con anterioridade o seu interese por narrar historias dun xeito colectivo levouno a fundar Imaxecovid que documentou a crise sanitaria da Covid-19, e que conformou unha grande exposición organizada por Afundación e que ten percorrido todas as cidades de Galicia. Nos últimos anos ten participado en distintos foros e coloquios como a conversa “A dor dos demais” co xornalista Alfonso Armada, organizada por Compostela Cultura e ademáis imparte anualmente unha “masterclass” na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). En 2025 gaña o premio de xornalismo Ortega y Gasset a la mejor fotografía por unha imaxe tomada na traxedia ecolóxica da dana de Valencia.