O sábado 1 de febreiro a Real Academia Galega de Belas Artes celebrará Sesión Extraordinaria pública ás 12:00 horas no Auditorio de Ribeira (Avenida da Constitución, 2. Ribeira-A Coruña) para a recepción do académico de Honra electo, don Francisco Javier Expósito Paradela, quen pronunciará o seu discurso de ingreso baixo o título “Un museo no mundo rural. Museo do gravado de artes”.
O recipiendario será contestado, en nome da Corporación, por don Felipe-Senén López Gómez, membro de número da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía.
O señor Expósito, previa votación regulamentaria, resultou elixido membro de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes, na Sesión Ordinaria celebrada o día 30 de novembro de 2024 considerando os seus méritos e significación nos eidos da museoloxía no relativo á formación dunha colección, a súa conservación e exposición, neste caso vinculado á historia do gravado coa creación e xestión do Museo de Artes do Gravado de Ribeira.