A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou o 1 de xullo Sesión Ordinaria no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na que decidiu, tras votación regulamentaria, homenaxear ao longo do 2024 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, ao escultor cambadés Francisco Asorey.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2023 a figura homenaxeada foi o xograr Martín Codax.
Francisco Asorey, nado en Fefiñáns, está considerado un dos renovadores da arte galega, e unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX.
Estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo (Biscaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entra en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agrada moito, alí coñece e fai moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e empeza os seus primeiros traballos artísticos de relevancia.
En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cidade á que se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval). Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas Picariña, Naiciña, O Tesouro, Ofrenda a San Ramón, A Santa e San Francisco (1ª medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).
Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Alí fixo os grandes monumentos de Loriga, Curros Enríquez, Virxe de Tanxil... A represión da guerra civil lévalle a moitos dos seus amigos (como Camilo Díaz Baliño) e el vive eses anos nun plano discreto; adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe pero tamén afronta encargas de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.
En 1944 foi nomeado académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes, tomando posesión o 9 de novembro de 1947 na sede da Academia.
En 1957 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.