O vindeiro martes 3 de decembro terá lugar ás 20 horas na Real Academia Galega de Belas Artes un concerto a cargo do Dúo Sciolto, integrado por: Alexandre Gallego Medal, saxofón e Gabriel López Rodríguez, piano. O recital incluirá as pezas: Concerto para saxofón e banda de D. Maslanka; Bach to BACH de J.D Michat; Concertino para saxofón e piano e Entrada, cantinela e tango de J. Durán; Four pictures from New York de R. Molinelli e Klonos de P. Swerts.
O Dúo Sciolto está formado polo saxofonista Alexandre Gallego Medal e o pianista Gabriel López Rodríguez. Preséntase no ano 2016 no prestixioso Concorso Internazionale dei Musica da Camera Salieri Zinetti nas cidades de Verona e Mantova, onde obtén o Terceiro Premio e o Cicerone Music & Art Award entre 92 grupos de música de cámara chegados de máis de 30 países.
A este galardón seguiranlle posteriormente outros como o primeiro premio no Concurso Adolphe Sax en Castelbuono (2017), o segundo premio OnStage Competition (2018), o primeiro premio IMKA Competition (2018), o primeiro premio Feurich Competition en Viena (2019) ou o primeiro premio e o Overall Winner (primeiro premio que se distingue de entre todas as categorías e participantes) en The Muse International Music Competition en Atenas (2019).
Estes recoñecementos permítenlles ofrecer recitais en cidades como Mantova (Auditorium Claudio Monteverdi), Milán (Villa Litta), Atenas (Megaron Concert Hall), Viena (Ehrbar Saal), entre outras. Ademais, foron convidados como membros do xurado na edición 2019 de Onstage Competition (Milan) e Adolphe Sax International Competition (Castelbuono).
Actualmente compaxinan a faceta concertística co seu labor pedagóxico como profesores de saxofón e piano nos Conservatorios Profesionais de Música de Vigo e A Coruña respectivamente.
O acto está encadrado nos “Martes das Artes” e terá entrada libre ata completar capacidade.
Para ver programa premer acó