O vindeiro sábado 26 ás 12:30 horas terá lugar no Salón de Actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, o ingreso do académico electo da Sección de Expertos nas Artes Carlos López Bernárdez quen lerá o seu discurso “Un contexto para a arte galega de entreguerras". Será contestado en nome da Corporación pola numeraria Mónica López Alonso.
En sesión celebrada no Conservatorio Profesional de Música da Coruña o día 21 de decembro de 2024 e despois da votación regulamentaria, o Historiador da Arte Carlos López Bernárdez resultou elixido Académico de número da Sección de Expertos nas Artes da Real Academia Galega de Belas Artes. Foi proposto polos numerarios Asunta Rodríguez Rodríguez, Mónica López Alonso, Miguel Fernández-Cid Enríquez, Eduardo Matamoro Irago e Xurxo Lobato.
Carlos López Bernárdez é Historiador da Arte e profesor de Lingua e Literatura Galegas. Enaísta de temas literarios e artísticos e comisario de Exposicións, con especial dedicación ao estudo da vangarda histórica galega. O seu traballo no ámbito da análise cultural mantén dúas liñas fundamentais, unha dedicada aos estudos de literatura galega, con especial atención a autores do século XX como as dedicadas a escritores como Lorenzo Varela, Manuel Antonio, Xosé María Álvarez Blázquez, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amos, Rafael Dieste ou Ramón Cabanillas, e unha segunda centrada no campo da historia da arte, orientada á construcción de análises, nomeamento sobre a arte galega, que supoñan unha descentralización dos relatos e ruptura do esquema centro/periferia.
Así mesmo, ten innumerables publicacións relacionadas coa arte galega, catálogos e comisariados.
Foto: Xurxo Lobato