A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), en colaboración coa Deputación da Coruña, dará inicio o vindeiro luns, 14 de xullo, aos ‘6º Encontros de Mariñán 2025. Residencia de Artistas Emerxentes’, unha actividade organizada para crear sinerxías entre os distintos centros de formación artística superior de Galicia. O evento celebrarase ata o venres 18 no Pazo de Mariñán, en Bergondo.
Cada edición, toma como referencia a traxectoria dun artista, sendo en 2025 Isaac Díaz Pardo, homenaxeado no Día das artes Galegas 2025, e a Castelao en referencia ao Ano Castelao de 2025. Partindo das obras destes dous creadores galegos, proponse como eido de reflexión común, tránsito ou chegada dos procesos de creación a temática Terra: materia e lugar.
O encontro, que durará cinco días, conta cunha variada programación, con conferencias de Felipe Senén, Miguel Anxo Seixas, Xosé Díaz, Din Matamoro e Mónica Alonso.
Un total de 40 alumnos procedentes das ensinanzas artísticas de Galicia participarán na Residencia de Artistas Emerxentes. Os participantes desenvolverán os seus proxectos que serán presentados o xoves, 17 de xullo, ás 19:00 horas, nunha xornada de portas abertas. Participarán as escolas EASD Antonio Failde, EASD Ramón Falcón, EASD Pablo Picasso, EASD Mestre Mateo, CSM A Coruña, Facultade de Belas Artes e de Deseño da Universidade de Vigo, ESAD de Galicia e o CIFP Imaxe e Son.