Co gallo do “Día das Artes Galegas 2025”, o vindeiro mércores 17 de setembro terá lugar no Museo Provincial de Lugo a segunda xornada dedicada ao artista “Isaac Díaz Pardo”, figura homenaxeada nesta edición, cun completo programa, coordinado poa académica conservadora da Institución Mónica Alonso, que comenzará ás 12 do mediodía cunha visita á Sala de louza de Sargadelos do Museo Provincial de Lugo, a cargo de María Quiroga Figueroa (MPL) e continuará pola tarde coa proxección do documental As miradas de Isaac (2020) de Cecilia Díaz Bertz, coa intervención musical de María López (zanfona) en homenaxe ao cadro de Isaac Díaz Pardo Concerto de zanfona e dúas conferencias A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo a cargo de Xosé Díaz Arias de Castro e As industrias da memoria e o idioma das formas a cargo de Felipe-Senén López Gómez.
A entrada é libre ata completar capacidade.
A Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos. Á súa condición de destacado representante da arte galega como ilustre pintor e ceramista, únese a súa profunda vinculación ao longo de máis de medio século na nova etapa da restauración da Cerámica de Sargadelos, a que Díaz Pardo, ademais dunha empresa, concebiu como centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia; creador e impulsor das Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia (xunto con Luis Seoane, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2019), das Edicións do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeológico de Laxe, e do Instituto Galego de Información, entre outros.
O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo ingresou como académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes o 16 de xuño de 2009 nun acto celebrado na sede da Institución e é unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país.


.jpg)



