O vindeiro sábado 20 de xuño ás 12:30 horas terá lugar na Igrexa Conventual das Capuchinas (Rúa Panaderas, 42. A Coruña) a Sesión extraordinaria pública de entrega da Medalla de Ouro «Marcial del Adalid» á Agrupación Folklórica Aturuxo.
O acto contará coa intervención dos académicos don Alejo Amoedo Portela, quen lerá a laudatio na honra da Coral, do secretario Xeral don Felipe-Senén López Gómez, e de don Manuel Quintana Martelo, presidente da Institución, así como da presidenta da Agrupación Folklórica Aturuxo dona Isabel García Quintela , e rematará coa interpretación por parte da Agrupación do “Himno do antigo Reino de Galiza”; da “Mazurca dos Areeiras” e da “Polca do Biliadoiro”.
A Agrupación Folklórica Aturuxo foi fundada en 1955 e está moi vinculada á Academia pois a súa primeira xunta directiva estaba composta, entre outros, por tres académicos.
A Agrupación naceu coa intención de unir tradición e innovación escénica, influíndo en proxectos como o Ballet Gallego. Presentouse hai 70 anos no Teatro Colón da Coruña con “Roseira de Costumes”, destacando pola súa aposta teatral máis alá dun simple coro. Desde entón, dedica o seu labor á conservación e difusión do folclore galego.
En xuño de 1949, a Academia instituíu os premios, coa denominación de «Marcial del Adalid», «Para estímulo de todo aficionado a la Música, y con objeto de enaltecer la destacada labor de aquellos elementos que, desinteresadamente, vienen contribuyendo eficazmente a las meritorias actividades de las diversas Agrupaciones musicales de Galicia».
Na sesión ordinaria celebrada o día 30 de abril de 2005, a Corporación aprobou as novas Bases para a concesión dos premios «como estímulo á práctica musical non profesional, que de forma desinteresada e constante veñen realizando persoas e institucións de Galicia, mediante a súa participación e mantemento de agrupacións artísticas», nas súas dúas modalidades: a) Premio persoal á constancia musical, consistente en Diploma e Insignia. b) Distinción para personalidades destacadas no eido da música non profesional e para agrupacións musicais, consistente en Diploma e Medallas de Ouro e Prata.


.jpg)



