A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou hoxe o pasado sábado Sesión Ordinaria na súa sede da Coruña, encontro académico no que, tras votación regulamentaria do pleno, presidido por Manuel Quintana Martelo, acordou dedicar a celebración do Día das Artes Galegas –1 de abril do 2027– á soprano coruñesa María Luisa Nache.
A Coruña posúe unha das tradicións operísticas máis antigas e arraigadas de España. Xa desde o século XVIII, a cidade vibraba coas compañías italianas e a construción do Teatro Principal (hoxe Rosalía de Castro) consolidou unha afección esixente e melómana que, décadas máis tarde, daría pé á creación do Festival de Ópera e á tempada máis antiga do país. É xusto neste humus cultural onde cómpre situar a figura de María Luisa Nache (1924–1985), a soprano que levou a tradición lírica coruñesa á súa máxima expresión internacional.
Nache non foi un fenómeno illado, senón o froito e o orgullo desa Coruña operística. Formada inicialmente na súa cidade natal coa prestixiosa profesora Bibiana Pérez, o seu debut oficial tivo lugar en 1945 no corazón lírico da cidade: o Teatro Rosalía de Castro, encarnando á protagonista de Aida xunto ao mítico tenor Hipólito Lázaro. Aquela moza coruñesa axiña demostrou que a súa voz, dunha técnica prodixiosa e un dramatismo conmovedor, estaba destinada aos grandes escenarios do mundo.
O seu fito máis internacional chegou en 1953 no prestixioso Teatro alla Scala de Milán. Alí, o célebre director Leonard Bernstein apostou firmemente por ela para interpretar a Glauce na ópera Medea de Cherubini, un papel no que compartiu escenario coa gran diva da historia da ópera, Maria Callas. Lonxe de ser un éxito pasaxeiro, Nache consolidouse no templo milanés regresando en tempadas posteriores para cantar Il trovatore xunto a Franco Corelli, e estendeu a súa brillante carreira polo Metropolitan de Nova York, o Liceu de Barcelona ou o San Carlos de Lisboa, dominando arredor de 45 roles dos principais títulos do repertorio operístico.
Porén, o vínculo coa súa terra xamais se rompeu. Tras triunfar fóra, María Luisa Nache regresou á Coruña en 1963 para pechar o círculo desa gran tradición que a vira nacer. Dedicouse á docencia dende 1973 no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, desde onde moldeou e educou ás novas xeracións de voces galegas. O seu compromiso coa cultura local consagrouse en 1976 co seu ingreso na Real Academia de Belas Artes co discurso Voces de oro gallegas en el mundo, un texto no que reivindicou o talento da súa terra, ao tempo que, nos derradeiros anos da súa vida, espallou a música de compositores galegos como Marcial del Adalid.
Foto: Arquivo RAGBA


.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)



