O vindeiro martes, 3 de xuño terá lugar ás 20 horas na Real Academia Galega de Belas Artes o concerto “Ecos da alma Homenaxes e Viaxes Musicais”, composto polas obras “Concerto para Violoncello e Piano”; “Costa da Caparica”; “Tres Caprichos Nostálxicos para frauta soa”; “Soños fugaces”; “Bagatela viaxeira” e “Fantasía para clarinete e piano”. É o derradeiro dun ciclo de recitais titulado “Estreas na Academia” na que se interpretan obras de Fernando Vázquez Arias co propósito de dar a coñecer as obras deste compositor nos últimos anos.
Concerto para Violoncello e Piano, composta no ano 2017, consta de tres movementos, que exploran unha rica paleta emocional e musical. O concerto está dedicado á muller do compositor, Pepi Martínez Carmona, como mostra de agradecemento polo seu constante apoio e alento ao longo da súa vida artística e persoal. Será interpretada por Millán Abeledo Malheiro , violoncello e Elisa Martín , piano.
Costa da Caparica, para violoncello e piano, composta no ano 2023, é unha viaxe musical evocadora inspirada nunha experiencia vivida do autor durante a súa visita á entrañable Costa da Caparica, en Portugal. A composición, estruturada nun único movemento, retrata as paisaxes serenas e vibrantes deste lugar, onde o mar, o vento e a luz crean unha atmosfera única e inesquecible. Será interpretada por Millán Abeledo Malheiro , violoncello e Elisa Martín , piano.
Tres Caprichos Nostálxicos para frauta soa foi composta en 2024 e está dedicada a Fernando Raña. Esta obra en tres movementos reflicte a nostalxia a través da beleza e versatilidade da frauta. Cada capricho ofrece unha exploración única, combinando lirismo, virtuosismo e emoción para crear unha homenaxe ao instrumento e ao intérprete. Interpretada por Fernando Raña Barreiro, frauta
Soños fugaces (2025) está dedicada a Anass Sniba Vázquez, tamén pianista, e sobriño do compositor. Nesta obra recréanse os soños dun mozo, transportándonos ao seu mundo de ilusións, aspiracións e fantasía a través da música. Interpretada por Ricardo Blanco, piano
Bagatela viaxeira, composta en 2025 está dedicada a Reyes Silva, pianista e pedagoga amiga de Fernado Vázquez Arias, persoa inqueda e viaxeira, apaixonada por descubrir novos lugares coa ilusión e a devoción dunha adolescente. Será interpretada por Ricardo Blanco, piano
Fantasía para clarinete e piano, composta en 2028 en ritmos de amalgama, indaga nos recursos propios do clarinete. A súa interacción co piano permite diversas sonoridades desde pasaxes líricas ata momentos virtuosísticos. Dedicada ao clarinetista e director Nilo García Armas, esta Fantasía é un tributo á súa contribución á música galega. Seus intérpretes serán Ricardo Blanco, piano e Nilo García Armas, clarinete.