Comeza o Ciclo “Artistas Galegos. O autor e a súa obra” desta tempada, actividade coordinada por Xurxo Lobato e encadrada nos “Martes das Artes”, nos que se coñece de primeira man a obra dos creadores galegos explicada por eles mesmos; saber o seu proceso creativo, as motivacións para crear ou a evolución da súa traxectoria.
O primeiro acto do ciclo terá lugar o próximo día 25 de febreiro no que o actor e director Oliver Laxe reflexionará sobre a súa traxectoria creativa.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) e teñen entrada libre ata completar capacidade.
OLIVER LAXE
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982,é un actor, director e guionista de cinema galego. En 2010 gañou o Premio Fipresci do Festival Internacional de Cine de Cannes polo seu filme Todos vós sodes capitáns. En 2016 foi galardoado co Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes polo seu traballo en Mimosas e, en 2019, foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película “O que arde”.
Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas tres primeiras películas en Cannes.
Fillo de pais galegos, Óliver Laxe naceu en París en 1982. Cando tiña seis anos regresou con eles a Galicia, en 1988.Tras estudar na Coruña, onde cursou o bacharelato no IES Monelos, marchou a Barcelona, onde se graduaría en Comunicación Audiovisual na Universidade Pompeu Fabra.
A súa filmografía comeza en Londres, onde xunto a Enrique Aguilar rodou a curtametraxe “E as chemineas decidiron escapar” (2006). Logo trasladouse a Tánxer, onde rodou as curtametraxes “Suena una trompeta, ahora veo otra cara” (2007) e París (2008), coas que obtivo varios premios en certames cinematográficos.
Alí creou o proxecto Dao Byed, un obradoiro cinematográfico para os nenos pobres do Magreb. Desta experiencia, inspirada noutra similar de Lev Tolstoi con nenos labregos rusos, saíu a súa primeira longametraxe, “Todos vós sodes capitáns” (2009), coa que gañou o premio FIPRESCI no Festival Internacional de Cine de Cannes 2010 e o Premio Revelación Chano Piñeiro á mellor dirección revelación nos Premios Mestre Mateo de 2010.
En 2016 rodou a longametraxe “Mimosas”, que se estreou tamén no Festival de Cannes, onde conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica. Este filme tamén lle valeu o Premio Mestre Mateo á mellor dirección.
Aparece como actor no seu filme “Todos vós sodes capitáns”, así como en “Moussem les morts” (Vincent Le Port e Jean-Baptiste Alazard, 2010) e en “The Sky Trembles and the Earth Is Afraid and the Two Eyes Are Not Brothers” (Ben Rivers, 2015), cuxa primeira parte é un "como se fixo" de Mimosas.
En 2019, presentou no Festival de Cannes “O que arde” na sección "Un Certain Regard", sendo a primeira vez que se presenta unha película en galego nunha sección oficial. Gañou o Premio do Xurado.
Filmografía Como director
Las chimeneas decidieron escapar (2006)
Suena la trompeta ahora veo otra cara (2007)
París (2008)
Todos vós sodes capitáns (2010)
Mimosas (2016)
O salvaxe leva o seu tempo (2018)
O que arde (2019)
Como actor
Todos vós sodes capitáns (Óliver Laxe, 2010)
Moussem les morts (Jean-Baptiste Alazard e Vincent Le Port, 2010)
The Sky Trembles and the Earth Is Afraid and the Two Eyes Are Not Brothers (Ben Rivers, 2015).
Foto Xurxo Lobato