O vindeiro martes 29 de abril remata o Ciclo dirixido e coordinado polo académico José María Eguileta Franco e encadrado nos “Martes das Artes”, “Xornadas de arqueoloxía municipal: protección, xestión e investigación das ciudades”, formado por 4 ponencias impartidas polos arquitectos municipais das catro capitais das provincias galegas, coa charla a cargo de Juan Castro Carrera, Arqueólogo municipal de Pontevedra.
As xornadas sobre arqueoloxía municipal queren difundir o labor dos gabinetes municipais de arqueoloxía. Estes, aínda que contan cunha tradición de varias décadas, seguen a ser uns descoñecidos, especialmente no devir cotián das cidades. Moi relacionados coa proximidade dos contextos arqueolóxicos e co pulo da arqueoloxía profesional, estas persoas profesionais e xestoras da planificación urbanística, están a contribuír na protección e coñecemento dos sitios arqueolóxicos locais, en estreita colaboración coa administración competente, a Xunta de Galicia. O coñecemento do terreo permite avanzar cara á teorización, consolidación e posta en práctica da arqueoloxía urbana e preventiva, así como na consideración do termo municipal como un espazo arqueolóxico coherente e obxecto de investigación.
Por iso a Real Academia Galega de Belas Artes inicia estas xornadas de arqueoloxía municipal contando, nesta proposta inicial, con catro arqueólogos municipais das capitais de provincia de Galicia, a sabendas de que existen gabinetes de arqueoloxía noutras cidades e vilas da nosa comunidade autónoma. As xornadas ofrecerán estratexias de xestión urbanística, protección e estudo, inicialmente, destes catro núcleos urbanos galegos dende a acción dos propios concellos, cos inherentes avances na investigación e resultados máis recentes en xacementos sinalados ou, como dixemos, na arqueoloxía urbana.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.