O vindeiro venres día 8 terá lugar no Auditorio Municipal de Lalín o segundo acto do Día das Artes Galegas 2022 despois do celebrado a semana pasada na sede da Academia coa inauguración de mostra “Acción Laxeiro” do académico Xurxo Lobato. Ao longo de todo este ano, dedicado a José Otero Abeledo “Laxeiro”, terán lugar diferentes iniciativas entre as que cabe destacar exposicións, simposios ou publicacións en torno ao pintor, coñecido como un dos renovadores da pintura galega, para dar a coñecer a todo tipo de público a figura do artista lalinense.
Laxeiro (Lalín, 1908 – Vigo 1996) foi a figura elixida por aclamación en Sesión Ordinaria celebrada o 26 de xuño para ser homenaxeada ao longo do 2022 tras proposta subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia, motivo para a profundar e difundir a súa figura, decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galego no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2020-2021 a figura homenaxeada foi o arquitecto barroco Domingo de Andrade.