O vindeiro sábado día 3 de decembro ás 12:00 horas terá lugar a inauguración da exposición itinerante “Acción Laxeiro” no Museo Municipal "Ramón María Aller" de Lalín (Rúa Ramón Aller, 9, 36500 Lalín –Pontevedra-). Contará coa asistencia de Xurxo Lobato académico e comisario da mostra; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; José Crespo Iglesias, alcalde do Concello de Lalín e do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades Román Rodríguez González.
Pode vistarse ata o 13 de xaneiro.
A mostra, presentada na Coruña, continua a súa itinerancia en Lalín, e proseguirá por Vilagarcía de Arousa e Vigo.
Esta exposición, comisariada polo Académico da Sección de Artes da Imaxe Xurxo Lobato, está incluída nos actos de celebración do “Día das Artes Galegas 2022”, dedicado nesta edición a Laxeiro, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22.
“Acción Laxeiro” recolle tres aspectos da relación do pintor de Lalín co académico Xurxo Lobato e amosan o pintor realizando a súa obra o que engade un importante interés documental o ver o artista “en acción”, na súa faceta creativa.
-O proceso de realización da obra “Aparición” pintada en directo para todos os asistentes nun acto público na Galería Trinta, en Santiago o 28 de abril de 1987.
-No ano 1993 o fotógrafo retrata a Laxeiro pintando unha escaleira para publicar no libro “Galegos na escaleira” editado pola Fundación Caixa Galicia.
- Retratos de Laxeiro con Uxío Novoneyra, Jorge Castillo, Maruxa Seoane, Felipe-Senén, Abelenda, o pintor no seu estudio de Vigo.