A Academia Galega de Belas Artes ven celebrando cada 1 de abril como DIA das ARTES GALEGAS. Faino en lembranza da mesma xornada do ano 1188, cando o Mestre Mateo asenta os linteis do Pórtico da Gloria.
A corporación académica determinou dedicarlle tal dia deste ano 2023 ao trobeiro (poeta e músico) do Mar de Vigo, Martín Codax (s. Xlll-XlV), do que se conservan 7 composicións, 6 con anotacións musicais (Pergameo Vindel, Biblioteca Morgan N.Y). Obras que proban as relacións atlánticas dun confín aberto a portos e a encrucilladas. Con tal motivo a Academia abre e convida a unha xeira de actos de sensibilización arredor das orixes, da orixinalidade e o aporte de Galicia á Historia da Arte.