O vindeiro sábado 1 de xullo ás 12:30 horas terá lugar a Sesión Extraordinaria Pública con motivo do ingreso como académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes de Román Pereiro Alonso, acto que se celebrará no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO (Rúa do Príncipe, 54. Vigo).
En sesión celebrada o día 25 de febreiro de 2023, despois da votación regulamentaria, o coleccionista Román Pereiro Alonso resultou elixido Académico Honorario da Real Academia Galega de Belas Artes, polo seu apoio defensa da arte e do patrimonio galego, mediante tarefas fundamentalmente de crítica, comisariado e coleccionismo.
Román Pereiro, médico e patólogo de profesión, coleccionista, amante da arte e persoa influínte na arte galega do século XX, reuniu aos artistas do movemento Atlántica e posibilitou que amosaran a súa obra en diversos espazos.
Coleccionista apaixonado, xunto coa súa muller Malena Lepina, foi creador de iniciativas na Finca O Toutizal durante os veráns co nome de Baiona Horizonte Atlántico, que resultaron ser verdadeiros happenings nos que se reunían multitude de figuras do mundo da Arte e nos que se expoñía un artista compartindo os seus traballos cun escritor galego; destes encontros foron editados catálogos e carpetas de obra gráfica con poemas e relatos. Así mesmo dende a tenda de Aguatinta, dirixida pola súa muller, editáronse pequenos libros de serigrafías de artistas plásticos acompañadas por textos de escritores galegos.
Foto: Xurxo Lobato