A Real Academia Galega de Belas Artes presentará en rolda de prensa o vindeiro luns, 16 de marzo, os actos do Día das Artes Galegas 2026, que este ano homenaxeará a figura do fotógrafo José Suárez.
O acto celebrarase ás 11:00 horas na sede coruñesa da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1) e contará coa intervención do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo.
José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) empeza a facer fotos cando aproba o Bacharelato en Ourense e o seu pai lle regala unha cámara fotográfica. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca. A partir de aí, comeza a facerlle fotos as súas irmáns e a publicar algunhas reportaxes como afeccionado en Vida Gallega sobre Allariz e a súa Festa do Boi. Tamén fotografía terras de Salamanca, como La Alberca, Candelario, Peña de Francia… En 1932 realiza as series etnográficas da romaría de San Vitoiro (Allariz), dos oleiros (Niñodaguia), de beiramar (Rias Baixas), da malla (Paicordeiro e San Salvador dos Penedos, no concello de Allariz), ou os carros e as feiras. Nestas series apréciase xa a vinculación coa nova linguaxe das vangardas fotográficas.
No 1935 expón en París, no Office National Espagnol de Tourisme, e en Madrid. Comeza a rodar no ano 1936 o documental “Mariñeiros”, interrompido polo Golpe de Estado. Exíliase na Arxentina en 1937, e alí vai traballar como realizador e director de fotografía en varios filmes.
En 1938 dirixe o filme “La mujer y el jockey”. É premiado pola fotografía no filme “Malambo” no 1942. Foi fotógrafo no xornal “La Prensa”, en Bos Aires. Vive en Uruguai desde 1950 onde rexenta a libraría “El yelmo de Mambrino”. En 1956 viaxa a Xapón de correspondente de prensa. Alí namórase da cultura nipona e o teatro clásico “Noh”. Coñece ao director de cine Akira Kurosawa, co que mantivo unha boa amizade. Colabora coas revistas “Life”, “US Camara”, “Vida gallega”, “Galicia emigrante”, “Atalaya”, “Ahora” e “Cinegraf”, entre outras. No 1959 volve a España, e edita un libro sobre “La Mancha” e outro sobre o mundo dos touros para unha editorial inglesa.
Foi amigo e colaborou con Carlos Velo, Luís Seoane, Ramón Pérez de Ayala, Nuñez Búa, Luis Tobío, Eduardo Blanco Amor, entre outros. No caso de Rafael Alberti, este dedícalle un debuxo.
Ilustra parte da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo. Desde o ano 1971 participa nas tertulias do hotel Miño de Ourense onde é moi querido por Carlos Casares e o grupo dos “artistiñas”.
Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid adquiriu 15 obras de José Suárez para integralas na súa colección permanente de fotografía.
A iniciativa desta celebración do Día das Artes Galegas naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición de 2025 a figura homenaxeada foi o artista multidisciplinar compostelán Isaac Díaz Pardo.


.jpg)



