O vindeiro martes 5 de maio ás 19:30 horas continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”, actividade coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A seguinte conferencia titulada “Arquitecturas recuperadas” será impartida por Ignacio Reigada Cordido e Susana Vázquez Pérez creadores do Estudio Sinaldaba. Nesta charla farán un breve percorrido a través das súas vivencias desde 2010 ata hoxe, a través de obras próximas que nacen do cotián. Proxectos que crecen do existente, do xa vivido, buscando recuperar o uso desde unha mirada contemporánea, sen esquecer de onde veñen. Intervencións que intentan dialogar co que estaba, respectar a súa memoria e acompañala cara a unha nova vida.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense
ESTUDIO SINALDABA
Sinaldaba é un estudo de arquitectura nacido no ano 2010 na Coruña da man de Susana Vázquez Pérez e Ignacio Reigada Cordido despois de finalizar os seus estudos de arquitectura, master e doutoramento na ETSAC e traballado e colaborado con diversos arquitectos.
Nestes anos o seu traballo foi recoñecido con diversos galardóns entre os que se poden destacar o premio COAG XX na categoría de interiorismo e seleccionados na de rehabilitación, gañadores do premio APROIN 2021 de rehabilitación, finalistas nos premios de rehabilitación da Xunta de Galicia en 2023, gañadores do World Luxury Hotel Awards 2022 etc., resultando premiados tamén en concursos nacionais e internacionais tales como o primeiro premio para a sede do CIDEA e recentemente na rehabilitación de Santo Andres 88 para o IGVS.
Da mesma forma numerosos medios de distintos países publicaron a súa obra, alén de formar parte en diferentes exposicións.


.jpg)



