Comeza o Ciclo “Artistas Galegos. O autor e a súa obra” desta tempada, actividade coordinada por Xurxo Lobato e encadrada nos “Martes das Artes”, nos que se coñece de primeira man a obra dos creadores galegos explicada por eles mesmos; saber o seu proceso creativo, as motivacións para crear ou a evolución da súa traxectoria.
O primeiro acto do ciclo terá lugar o próximo día 7 de abril no que o pintor e escultor Antonio Murado reflexionará sobre a súa traxectoria creativa.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) e teñen entrada libre ata completar capacidade.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense
ANTONIO MURADO
Nado en Lugo en 1964 é Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, desde moi pronto capta a atención do sector artístico nacional facéndose co protagonismo de distintos certames e mostras. No 1995 obtén a Beca de Creación Artística no Estranxeiro Unión Fenosa MACUF desfrutando dunha estancia en Nova York, cidade na que se instalará definitivamente. Considerado pola crítica especializada como un dos pintores españois de maior proxección internacional, o seu proxecto artístico foi obxecto de numerosas exposicións individuais en institucións de países como Alemaña, Canadá ou EEUU.
Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca en 1988. Comezou a expor en mostras colectivas en 1985, e realizou a súa primeira exposición individual en 1987 en Santiago de Compostela. Consegue unha bolsa para o taller de arte actual Juan Navarro Baldeweg, do Círculo de Bellas Artes de Madrid e a bolsa premio Manuel Colmeiro, instituída pola Xunta de Galicia, ao facer os vinte anos.
Participa en bienais provinciais e en certames nos que logra galardóns, como o primeiro premio no V Concurso de pintura de Outono L'Oreal, na Casa de Velázquez madrileña; premio adquisición en Murcia; accésit no de Caixa Postal en Madrid e premio Constitución en Mérida, no frutífero ano de 1989. En 1995 foi bolseiro de Unión Fenosa. A súa obra mostrouse en galerías e certames en Viena. O seu prestixio confirmouse na exposición individual que realiza na Casa da Parra, de Santiago, auspiciada pola Xunta.
As súas figuras ou escenas en siluetas son por completo neutras, ante unha paisaxe no ámbito da Galicia rural. Ás veces acode a inscricións sobre fondos. Na súa faceta escultórica abondan obxectos de base estritamente xeométrica con armazóns do que constituiría material de refugallo, acadando o cotián expresión plástica.
Vive e traballa en Nova York. É irmán do escritor e xornalista Miguel Anxo Murado e ilustrou os seus libros Bestiario dos descontentos e De soños e derribos.


.jpg)



