O vindeiro sábado 20 de decembro terá lugar ao remate da Sesión Ordinaria a doazón por parte da familia do que fora académico de número da Institución Xavier Pousa da obra Goián.
No acto, que se celebrará no Salón de Actos da Academia, intervirán Manuel Quintana Martelo, presidente; María Victoria Carballo-Calero Ramos, académica numeraria da Sección de Expertos nas Artes e una representación da familia do pintor pontevedrés.
Xavier Pousa (1931-2000) ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes o 25 de xaneiro de 1997 no Auditorio do Centro Cultural Caixavigo pronunciando un discurso titulado “A arte da pintura en Galicia”. Foi un dos paisaxistas máis representativo da pintura galega da segunda metade do S. XX, definido por moitos como o gran mestre da luz e da cor. Tamén cultivou o retrato, as figuras ou os bodegóns. Foi un artista próximo a correntes europeas, gran coñecedor da arte universal e un viaxeiro incansable aínda que fortemente ligado ao Baixo Miño do que era orixinario e a Vigo, cidade na que fixou a súa residencia. Foi, así mesmo, un gran defensor da identidade galega, moi comprometido socialmente cos movementos culturais e sociais da súa época.
Foto: Fundación Xavier Pousa


.jpg)



