A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), na súa votación da sesión extraordinaria do seu plenario celebrada o sábado 29 de novembro, decidiu outorgar a Medalla de Honra da institución ao Museo de Pontevedra.
A proposta, presentada polo académico e secretario da RAGBA, Felipe-Senén López, e á que se adheriron os académicos Xosé Carlos Valle, Xurxo Lobato, Felipe Peña e Soledad Penalta, está avaliada pola súa histórica traxectoria, desde a súa fundación no 1927 ata o presente, asumindo o papel dunha institución que “adquire, conserva, documenta e estuda, divulga e expón desde unha sólida profesionalización da museoloxía”. A RAGBA destaca tamén que o Museo de Pontevedra dispón de todo un programa museográfico que implica á cidade e mesmo a Galicia, situándoo como “un referente pola súa constancia e renovación nos fins”.
Historia do Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra foi fundado o 30 de decembro de 1927 pola Deputación Provincial de Pontevedra a proposta dos deputados Gaspar Massó García, César Lois Vidal e Alfredo Espinosa Orrea. Pero non foi ata o 10 de agosto de 1929 cando abriu por primeira vez as súas portas ao público, coincidindo coa véspera das festas grandes da cidade, A Peregrina.
Na súa orixe foi fundamental o labor previo de salvagarda patrimonial que viña realizando a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, fundada en 1894 por Casto Sampedro y Folgar, xa que Museo naceu co fin de completar e continuar dito cometido. Tralo falecemento do seu fundador en 1937, nese momento tamén director do Museo, pasará a ser esta nova institución quen reciba e custodie a extraordinaria colección de obras de arte, pezas arqueolóxicas, documentos, libros, fotografías e demais bens que dita sociedade tiña atesorado.
Constituíron o primeiro padronado encargado da xestión do Museo: Daniel de la Sota, presidente; Casto Sampedro y Folgar, director; Gerardo Álvarez Limeses (foi director accidental desde o 9 de abril de 1937 ata a súa morte o 12 de febreiro de 1940), vicepresidente; José Fernando Filgueira Valverde (director desde o 23 de marzo de 1940 ata o 23 de decembro de 1986), secretario; Raimundo Riestra Calderón, marqués de Riestra, tesoureiro; José María Millán, padroeiro encargado da biblioteca; e vogais, Antonio Losada Diéguez, Enrique López de la Ballina, Juan Argenti y Navajas, Francisco Javier Sánchez Cantón e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O Edificio Castro Monteagudo foi o elixido como a primeira sede do Museo, un pazo do século XVIII situado no centro histórico da cidade que a Deputación adquiriu e rehabilitou para tal fin.
Desde a súa apertura, o Museo exhibiu non só obras de ámbito pontevedrés ou rexional, senón tamén nacional e internacional, como as depositadas polo Museo do Prado e a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid.
O rápido e continuo crecemento das súas coleccións é unha constante no seu devir histórico. Compras, depósitos e doazóns, tanto de particulares como de institucións, explican a sucesiva incorporación de novas situadas no casco histórico da cidade (Edificio Castro Monteagudo, Ruínas de Santo Domingo, Edificio García Flórez, Edificio Fernández López, Edificio Sarmiento, Edificio Castelao –(edificio de nova planta, deseñado e construído con todas as connotación contemporáneas para cumprir as funcións do Museo– e Convento de Santa Clara).
Desde 1986 ata 2018 estivo ao fronte da súa dirección José Carlos Valle Pérez, que foi sucedido por José Manuel Rey García. Desde outubro de 2023 a súa directora é Ángeles Tilve Jar.
Foto Museo de Pontevedra


.jpg)



