O vindeiro 17 de marzo terá lugar ás 19:30 horas o segundo dos actos de homenaxe a Marcial del Adalid con motivo do bicentenario do seu nacemento co concerto “Obras de Adalid e Tchaikovsky” a cargo do Trío Caronium, integrado por David Veiga Martínez, Violín; Isabel Font Belmonte; Violonchelo e Javier Ares Espiño, Piano, que interpretarán o Trío para violín, violonchelo e piano, Op. 36 de Marcial del Adalid (obra reconstruida e finalizada por Juan Durán en 2025) e o Trio en la menor, Op. 50 de Pyotr Ilych Tchaikovsky.
Marcial del Adalid y Gurrea, nado na Coruña o 24 de agosto de 1826 e finado en Lóngora (Oleiros) o 16 de outubro de 1881 ten una vinculación coa Real Academia Galega de Belas Artes incuestionable, toda vez que o nome deste compositor deu lugar ás “Medallas Marcial del Adalid” que tanta importancia tiveron e teñen na sociedade galega pola posta en valor da actividade musical que se desenvolve en Galicia, manifestada singularmente nos coros e nas bandas de música, ferramenta fundamental de participación na cultura das vilas e cidades galegas, como divulgadoras esenciais do noso rico patrimonio musical.
O Trío Caronium é un grupo de cámara formado por David Veiga Martínez (violín), Isabel Font Belmonte (violonchelo) e Javier Ares Espiño (piano) que nace no ano 2015. Entre os seus obxectivos está a posta en valor do patrimonio musical galego e nesa liña de traballo destaca a súa presentación no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde interpretou a integral dos tríos de Eduardo Rodríguez-Losada, nun concerto que foi gravado por Radio Galega. David Veiga e Isabel Font son docentes no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e Javier Ares no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Neste programa profundan nesa liña de recuperación de patrimonio musical galego coa interpretación dunha obra do compositor coruñés Marcial del Adalid, do que se celebra este ano o bicentenario do nacemento, e que foi reconstruida e rematada polo compositor Juan Durán. O Trío para violín, violonchelo e piano de Marcial del Adalid estrearase este 17 de marzo de 2026 na Real Academia Galega de Belas Artes no “Ciclo de conferencias e concertos Bicentenario Marcial del Adalid (1826-1881). Martes das Artes 2026”.
Complétase o programa cunha obra de referencia no repertorio camerístico para esta formación: o Trío para violín, violonchelo e piano de Tchaikovsky. A obra foi creada entre os anos 1881 e 1882, está adicada ao seu amigo Nikolái Rubinstein, e leva como subtítulo “á memoria dun gran artista”. Nikolái falecera no ano 1881 e Tchaikovsky decidiu crear unha xigantesca homenaxe musical articulada en dous grandes bloques: unha peza elexíaca e un tema con variacións.
O Ciclo “Bicentenario Marcial del Adalid (1826-1881)” está encadrado nos “Martes das Artes”.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense


.jpg)



