Prosegue o Ciclo “Artistas Galegas. A autora e a súa obra” desta tempada, actividade coordinada por Xurxo Lobato e encadrada nos “Martes das Artes”, nos que se coñece de primeira man a obra dos creadores galegos explicada por eles mesmos; saber o seu proceso creativo, as motivacións para crear ou a evolución da súa traxectoria.
O segundo acto do ciclo terá lugar o próximo día 21 de abril no que o pintora Almudena Fernández reflexionará sobre a súa traxectoria creativa.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) e teñen entrada libre ata completar capacidade.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense
ALMUDENA FERNÁNDEZ
É artista e profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), conta cunha sólida traxectoria académica e creativa. Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, completou a súa formación en institucións como a Universidade de Salamanca, a École des Beaux Arts de Le Mans e a School of Art and Design de Limerick.
O seu labor artístico foi recoñecido con numerosos premios e bolsas desde 1993, entre eles o Premio da Crítica de Galicia (2024), o 1º Premio de Pintura L’Oréal (2000), a Beca Pollock-Krasner Foundation de Nova York (2001) ou diversas bolsas de creación en España e no estranxeiro.
A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, entre elas as do Parlamento de Galicia, o CGAC, o Museo de Pontevedra, Afundación-ABANCA, diversas deputacións e universidades, así como institucións municipais e coleccións empresariais.
Ao longo da súa traxectoria participou en talleres de recoñecidos artistas como Jürgen Partenheimer, Lucio Muñoz, Rafael Canogar ou Joan Hernández Pijuan, experiencias que contribuíron á súa formación e evolución artística. Ademais, desenvolveu un labor docente e divulgativo impartindo talleres en institucións como o CGAC, o MARCO de Vigo ou a Fundación Caixa Galicia.
É autora de varias publicacións especializadas centradas na pintura contemporánea e no pensamento visual, entre as que destacan Arte + Pintura (2015), Pintura site (2014) e Lo que la pintura no es (2010), así como a súa tese doutoral publicada pola Universidade de Vigo.


.jpg)



