O vindeiro martes 13 de outubro ás 19:30 horas continúan os “Martes das Artes” co Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes”, actividade coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A xornada comporase pola conferencia “Facer a pregunta correcta"", impartida por Manuel Rodríguez, director da Fundación RIA. A charla percorrerá a experiencia da Fundación RIA no desenvolvemento de estudos interdisciplinares, proxectos piloto e procesos de planificación territorial estratéxica ao longo da última década. A través de distintas iniciativas, abordará como a análise das realidades locais permite formular preguntas que orienten a planificación e as axendas estratéxicas, conectando escalas de gobernanza e atendendo aos efectos das políticas públicas sobre o territorio e a vida das persoas.
Todos os actos dos “Martes das Artes” teñen lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense
MANUEL RODRÍGUEZ
Manuel Rodríguez López é arquitecto pola ETSAB (Escola Tècnica Superior d’Arquitectura de Barcelona) e realizou estudos de intercambio na LTH – Universidade de Lund, en Suecia. En 2016 incorpórase a David Chipperfield Architects para poñer en marcha un estudio en Galicia que dará lugar á creación da Fundación RIA en 2017. Como director da fundación, Manuel é responsable da súa xestión e representación, así como da coordinación do equipo e a dirección técnica dos proxectos, actividades e iniciativas impulsadas pola entidade.


.jpg)



