O vindeiro martes 29 de outubro terá lugar ás 20 horas na Real Academia Galega de Belas Artes o concerto “Pianeros. Unha homenaxe aos pianistas do tango e o folclore arxentino” no que o pianista arxentino Claudio Méndez interpretará unha forma especial de pasear por distintos territorios da música arxentina nunha viaxe por dentro dese pequeno gran cosmos que é o son do piano. O recital incluirá as pezas: Pedacito de Cielo de Héctor Stamponi-Francini-H.Expósito; Gricel de Mariano Mores-P.Contursi; Nostalgias Santiagueñas de Adolfo Ábalos; Nostalgias de Juan Carlos Cobián-Enrique Cadícamo; Ludovina de Carlos Guastavino ; El Gatito de Tchaicovsky de Adolfo Ábalos; Milonga Triste de Sebastián Piana-Homero Manzi; A Don Agustín Bardi de Horacio Salgán; Zamba para la Viuda de Cuchi Leguizamón-M.A. Perez; Juan del Monte de Cuchi Leguizamón-Manuel J. Castilla (arranxo de Paula Suárez-C.Méndez); El último café de Héctor Stamponi-Cátulo Castillo; Alfonsina y el mar de Ariel Ramírez-Félix Luna ; Santafesino de veras de Ariel Ramírez-Miguel Brascó e Libertango de Astor Piazzolla.
O acto está encadrado nos “Martes das Artes” e terá entrada libre ata completar capacidade.
CLAUDIO MÉNDEZ
Buenos Aires (1957)
Pianista, compositor, arranxador, produtor, director musical, docente.
Proveniente dunha familia con varias xeracións de músicos, xa a temperá idade comezou a súa aprendizaxe do piano e a guitarra coa súa nai e a súa tía avoa, como primeiras Mestras. Mais adiante continuou os seus estudos no Conservatorio Nacional de Música formándose cos mais destacados Mestres en Piano, Composición e Dirección. Logo, o seu interese pola música popular xunto á bagaxe da súa formación clásica levárono a fundar en 1980, xunto ao guitarrista Fernando Egozcue Folgueras, o grupo Nuevos Aires (novo tango) eloxiado por Astor Piazzolla quen lles regalou a súa composición “500 Motivaciones”. Actuou como solista e integrando agrupacións en rol de pianista, compositor e director realizando xiras a Sudamérica, Europa e USA. Desde o 2000 traballou como pianista e arranxista do prestixioso grupo vocal Opus Cuatro. Xunto a eles obtivo o premio GARDEL 2001 ao MELLOR CD DE TANGO.
Editou diversos álbums de música arxentina incluíndo tamén as súas propias composicións. Actualmente continúa coa súa carreira solista e desenvolve como pianista e arranxista, xunto á destacada pianista internacional Polly Ferman, o proxecto Salgán a cuatro manos: un concerto que rescata o legado do gran referente do tango no piano: Horacio Salgán.