O vindeiro martes 17 de xuño dará comezo Ciclo de conferencias “Experiencias en Arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes” e composto por 7 conferencias. A actividade está coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A primeira conferencia titulada “A (auto)identificación da arquitectura galega contemporánea (1970-2000): debate interior e crítica externa”, será impartida por Santiago Rodríguez Caramés e tratarase acerca do un proceso de (auto)identificación e (auto)consciencia da arquitectura galega, das últimas décadas do século, tanto dentro como fóra do seu ámbito. O primeiro dos factores que condicionan isto é a aparición do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Escola Técnica Superior de Arquitectura nos setenta, dúas institucións fundamentais para colocar as problemáticas galegas no centro da profesión, así como a creación dun corpus académico e divulgativo fundamental para entender súa historia arquitectónica e urbana. En segundo lugar, o Estado das Autonomías contribuíu a definir ese feito diferencial de Galicia dentro do conxunto dun Estado construído ideoloxicamente arredor desa idea de pluralidade e que, por conseguinte, alicerzou unha crítica arquitectónica pendente do que se estaba a construír no país. Ao longo desta conferencia veremos como é que se definiu esa (auto)identificación, o intento por definir unha galeguidade da nosa arquitectura e o signo das visións exteriores, moitas veces definidas por un certo atavismo e compoñente telúrica do finis terrae.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
SANTIAGO RODRÍGUEZ CARAMÉS
Nado en Vigo en 1994, é graduado en Historia da Arte (2016) e doutor (2023) pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O lugar da arquitectura galega contemporánea (1970-2000): autorreflexións e olladas vernáculas. Teoría, historiografía, praxe, dirixida por Jesús Ángel Sánchez García. Na actualidade é profesor asociado tipo-3 no Departamento de Humanidades da Universidade da Coruña e colaborador externo do grupo Investigación e Desenvolvemento en Artes e Humanidades (USC-IDEAHS).
No marco do grupo IDEAHS (antes HAAYDU), ten participado no proxecto de investigación «Memoria del patrimonio arquitectónico desaparecido en Galicia. El siglo XX» (MEPAGAL, PID2019-105009GB-I00) e actualmente en «Arquitecturas soñadas. Proyectos fallidos y pensamiento utópico en la historia de la arquitectura en Galicia» (ARSOGAL, PID2022-137098NB-I00), ambos os dous financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
É autor de varios capítulos de libro, artigos en revistas especializadas e divulgativas e ten participado en congresos de índole estatal e internacional. Así mesmo, realizou unha estadía de investigación no Centro de Investigação Transdisciplinar «Cultura, Espaço, Memória» (CITCEM) da Universidade do Porto.