O vindeiro martes 21 de outubro continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”. A actividade está coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A quinta conferencia titulada “Arquitecturas debuxadas. Lugo, Compostela, A Coruña” será impartida por Santiago Catalán quen fará un paseo ilustrado coas imaxes debuxadas dalgunhas das arquitecturas máis simbólicas e representativas desas tres cidades. Trátase dun percorrido sentimental que non pretende un gran rigor histórico ou documental. Simplemente mira e fixa minuciosamente no papel a imaxe ou o ángulo de visión daqueles edificios ou fitos urbanos que lle interesan plásticamente ou que lle conmoven emocionalmente á vez que comenta sucintamente un retrinco da súa historia, a súa época de construción e o seu significado no urbanismo, a arquitectura e a decoración urbana ao longo de moi diferentes épocas e estilos.
Estes paseos urbanos por Lugo, a súa cidade de residencia, e por Compostela, foron xa publicados en anos anteriores por editorial Xerais estando actualmente traballando na edición do terceiro tomo desta colección que se titulará “Arquitecturas debuxadas. A Coruña”. Máis de duascentas imaxes realizadas nos últimos anos mostran a súa obsesión por debuxar e mostrar a súa versión persoal dalgúns os máis relevantes edificios das cidades galegas.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
O acto está patrocinado pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Vicepresidencia da Deputación de Lugo
SANTIAGO CATALÁN
Nado en Madrid en 1954 é arquitecto, debuxante e pintor compaxinando a súa faceta profesional con importantes proxectos de edificios públicos e unha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte sendo fundador do grupo BACABÚ dinamizador da vida cultural da cidade de Lugo, lugar onde reside desde 1980.
Entre os seus proxectos máis destacados atópanse a Remodelación integral da facultade de Bioloxía e a facultade de Químicas da USC en Santiago, o módulo de urxencias do Hospital de Verín, a Escola Superior de Arte Dramática e a ampliación do museo do Pazo de Castrelos en Vigo, a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, a Residencia universitaria Abeiro e o Museo arqueolóxico de San Roque tamén en Lugo e a Residencia e o novo edificio do Concello ambos en Becerreá (Lugo). Tamén é responsable do proxecto e a demolición do antigo Hospital de Lugo e o ordenamento urbanístico do “Barrio da Residencia” onde se situaba o hospital.
Na súa faceta artística participou en numerosas mostras colectivas e dezaoito exposicións individuais entre as que destacan as da Galería Pardo Bazán na Coruña, Sargadelos en Compostela, Detursa en Madrid, A Catedral e Clérigos en Lugo e finalmente en 2020 Museo dás Peregrinacións en Santiago e en 2022 Museo provincial de Lugo.
É autor dos libros ARQUITECTURAS DEBUXADAS. LUGO e ARQUITECTURAS DEBUXADAS. COMPOSTELA consecuencia do seu empeño en recoller sobre o papel as arquitectura monumentais das cidades galegas e en data recente publicou o libro de investigación ELOY MAQUIEIRA. A PEGADA DO RACIONALISMO EN LUGO, que tenta recuperar a esquecida figura deste importante arquitecto falecido en plena mocidade