Co gallo do “Día das Artes Galegas 2025”, o vindeiro luns 27 de outubro terá lugar no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202, 204. Ferrol) a terceira conferencia dedicada ao artista “Isaac Díaz Pardo”, figura homenaxeada nesta edición, cunha conferencia baixo o título “A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo” a cargo do académico e fillo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias de Castro. O acto contará, así mesmo, coas intervencións do presidente da Academia Galega de Belas Artes Manuel Quintana Martelo, e do Concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol José Antonio Ponte Far.
A Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos. Á súa condición de destacado representante da arte galega como ilustre pintor e ceramista, únese a súa profunda vinculación ao longo de máis de medio século na nova etapa da restauración da Cerámica de Sargadelos, a que Díaz Pardo, ademais dunha empresa, concebiu como centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia; creador e impulsor das Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia (xunto con Luis Seoane, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2019), das Edicións do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeológico de Laxe, e do Instituto Galego de Información, entre outros.
O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo ingresou como académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes o 16 de xuño de 2009 nun acto celebrado na sede da Institución e é unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país.