O vindeiro martes 11 de novembro continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”. A actividade está coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
O sétimo acto do Ciclo terá como protagonista a Francisco Cobas quen presentará a súa publicación “Al toque de campana de oración. Acueduto de Vioño y Nelle - Acueduto de San Pedro de Visma. Historia del abastecimiento de auga a la ciudad de A Coruña desde el siglo XVII al XIX" obra na que o autor fai un percorrido pola historia da Coruña nuns séculos marcados pola falta de auga na cidade e a súa salvación coa construción do acueducto de Visma, considerada a maior obra civil de Galicia da súa época.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
O acto está patrocinado pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Vicepresidencia da Deputación de Lugo
FRANCISCO COBAS VÁZQUEZ
Francisco Cobas Vázquez (A Coruña, 1950), Chicho Cobas, é un coruñés amante da súa cidade, cunha mente inquieta, sempre proclive a exporse e resolver problemas. Na súa mocidade, despois de xogar nos equipos Ural e Español, dedicou oito anos (1967-75) ao Deportivo, primeiro, xogando no Fabril, e como profesional en primeira e segunda división de centrocampista ás ordes do adestrador Arsenio Iglesias, compaxinando os seus estudos de Arquitectura Técnica na EUAT co fútbol, sempre no equipo da súa cidade.
Terminou os seus estudos en 1975 e, ao final desa tempada tomaría a decisión de abandonar a súa actividade futbolística para dedicarse á profesión de Arquitecto Técnico. Pronto iniciaría unha nova actividade como técnico e empresario, fundando a empresa Proyectos y Estudios de Galicia (PROESGA, SL), dedicada basicamente ao proxecto e execución de todo tipo de fachadas tecnolóxicas, actividade que ocuparia toda a súa vida profesional. Como empresario e técnico, Chicho Cobas terá a oportunidade de propoñer, proxectar, orzar e executar múltiples fachadas e, nalgún caso tamén cubertas en tres dimensións con reputados arquitectos españois e estranxeiros.
Será precisamente esa continua colaboración con arquitectos da talla de Manuel Gallego, César Portela, Alberto Noguerol, Fernando Menis, Ignasi Solá-Morais, Albert Pineda, Manuel Brullet, Francisco Longoria, Guillermo Vázquez Consuegra, Rafael da Fouce, Federico Soriano-Dolores Palacios, ou cos estudos Zaha Hadid, Eisseman, Alvaro Siza, Boris Prodecca, e tantos outros, cos que irá forxando a súa forma de actuar. Edificios de todo tipo, institutos de investigación, concellos, auditorios, museos, centros de saúde, hospitais, diferentes tipos de vivendas. Fachadas complexas de diferentes características, dimensións, espesores, e materiais susceptibles de resolver envolventes en situacións e cidades diversas conforman o seu legado.


(3).jpg)



