O vindeiro martes 16 de decembro continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”, actividade coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A seguinte conferencia titulada “Alejandro de la Sota: comentarios sobre un proyecto no realizado para un Colegio-Residencia en Ourense (1967)” será impartida por Pedro de Llano Neira na que contextualizará e analizará un proxecto non realizado de Alejandro da Sota para un Colexio-Residencia promovido pola Caixa de Aforros de Ourense, en 1967. Este proxecto, que se ía a situar nun terreo en Barbadás, nos arredores de Ourense, é representativo dunha fase da traxectoria do arquitecto pontevedrés na que se interesou pola integración dos novos elementos prefabricados na arquitectura. Igualmente, esta obra remite ao diálogo constante no seu traballo coa arquitectura vernácula e, en particular, á súa forma de intervir na paisaxe.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña e vicepresidencia da Deputación de Lugo.
PEDRO DE LLANO NEIRA
É profesor no departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela e comisario. O seu proxecto posdoctoral estudou os diálogos e intercambios transatlánticos entre Europa e América, no contexto das diversas prácticas conceptuais dos sesenta e setenta. En paralelo, o seu traballo prestou atención aos debates contemporáneos relacionados coa crítica institucional, a memoria histórica, as prácticas decoloniais e a ecoloxía política, a través de exposicións e publicacións.


.jpg)



