O vindeiro 20 de outubro terá lugar ás 19:30 horas o quinto acto de homenaxe a Marcial del Adalid con motivo do bicentenario do seu nacemento cun concerto a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo, que interpretará os “Cantares viejos y nuevos de Galicia e Mondariz” para voz e piano de Marcial del Adalid.
A colección de salón Cantares viejos y nuevos de Galicia, de Marcial del Adalid, está estruturada en catro series ou cadernos. Estas divídense entre cantares "viejos" (baseados en melodías tradicionais de orixe popular) e cantares "nuevos" (de nova creación por parte de Adalid).
A súa muller, a escritora Fanny Garrido, é a autora das letras de todos os cantares novos (excepto dous) e de dous dos cantares vellos. Os restantes cantares vellos contan con versos de procedencia popular e anónima.
A composición e a edición dos Cantares viejos y nuevos de Galicia realizáronse de maneira progresiva en diferentes etapas da vida de Marcial del Adalid e tamén de xeito póstumo: a 1ª e 2ª Series foron compostas, segundo as estimacións baseadas nos manuscritos orixinais, entre os anos 1871 e 1877; a 3ª e 4ª Series foron Compostos progresivamente cara ao final da vida do autor, con pezas que mesmo foron escritas nos seus últimos meses de vida entre 1880 e 1881. A balada Mondariz publicouse póstumamente, 1902 pola editorial coruñesa, Canuto Berea.
Nuria Lorenzo, mezzosoprano
Titulada Superior en Canto polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Asistiu a clases maxistrais da mezzosoprano Helga Mueller Mollinari en Verona, Italia. Na actualidade exerce de catedrática de canto no Conservatorio Superior de Música de Coruña.
Foi galardoada coa «Medalla de Galega Destacada 2014» en recoñecemento á súa traxectoria profesional. Gañadora do 2.º Premio Nacional de España no concurso J. J. M. M; 1.º Premio de Galicia no concurso Música Xove; 1.º Premio á Excelencia Musical na Coruña e o 1.º Premio á Interpretación Musical en Vigo. Foi bolseira pola Universidade de San Louis (EE. UU.) para estudar interpretación da canción española.
Cantou por toda a xeografía española, parte de Europa e fixo unha xira por todo Venezuela cantando en diferentes teatros do país. Cantou nos mellores teatros de España: Liceo de Barcelona, Auditorio do Castell de Peralada de Xirona, Bilbao (ABAO) no Palacio Euskalduna e Teatro Arriaga, Teatro da Zarzuela de Madrid, Palacio da Ópera da Coruña, Palau da Música de Valencia, Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, Teatro Afundación de Vigo, Auditorio de Roquetas de Mar e no Teatro Cuyás de Gran Canaria, entre outros.
Gravou o CD titulado Lembrándote e (di) Versos Femeninos (RDC, 2022), este último co pianista Alejo Amoedo e a música de Juan Durán.
Alejo Amoedo, pianista
Alejo é máster pola Universidade de Vigo (2013) e doutor pola Universitat Politècnica de Valencia (2019). Pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia, na especialidade de Repertorio con Piano para Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Acaba de presentar o seu último traballo discográfico: o LP en vinilo de 12 polgadas, A mansión dos anxos. Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX (Dos Acordes, 2024) para piano só.
Foi galardoado co «Premio da Crítica de Galicia» (2021) e co «Premio da Música Gregorio Baudot» (2022), este último concedido pola Sociedade Artística Ferrolana.
No 2022 foi elixido membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega, nomeando director do Arquivo Sonoro de Galicia e vogal da súa Executiva. Na actualidade é vicepresidente primeiro da institución.
Dende febreiro de 2024 é académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses .
O Ciclo “Bicentenario Marcial del Adalid (1826-1881)” está encadrado nos “Martes das Artes”.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense.


.jpg)



