O vindeiro sábado 24 ás 13 horas terá lugar no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo o ingreso do académico electo da Sección de Música Alejo Amoedo Portela quen lerá o seu discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 - 1932). Música de salón con piano no alborexar do século XX". Será contestado en nome da Corporación polo numerario Juan Durán Alonso.
En sesión celebrada o día 28 de outubro de 2023 na Sala do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago (CGAC) e despois da votación regulamentaria, o doutor e pianista e Alejo Amoedo Portela resultou elixido Académico de número da Sección de Música da Real Academia Galega de Belas Artes. Foi proposto polos numerarios Juan Durán Alonso; Felipe-Senén López Gómez; José Ramón Soraluce Blond; Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella López.
Alejo Amoedo é doutor pola Universitat Politècnica de Valencia e está especializado no repertorio de compositores/as galegos/as. A súa ampla traxectoria, no eido da música de cámara, levouno á realización de numerosos recitais así como á súa participación, tanto como solista ou acompañante en un grande número de traballos musicais. Así mesmo, foi pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo; na Escola Superior de Música e dás Artes do Espectáculo de Porto (Portugal); e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
É un dos integrantes do colectivo cultural Pertenza, asesor da Fundación Reveriano Soutullo Otero e membro fundador da Irmandade da Música Galega, que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega. Tamén foi elixido membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega e nomeado vogal da súa Comisión Executiva, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.
Foto: https://alejoamoedo.com/