O vindeiro martes 26 de maio ás 19:30 horas terá lugar na Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) a conferencia titulada “Encontros coa pintura”, que será será impartida por Jorge Llorca.
Na charla, encadrada nos “Martes das Artes”, o pintor reflexionará sobre o acto de pintar como unha procura constante do inefable, algo que non se pode nomear pero que permanece cando todo o accesorio desaparece. A partir dunha conversa cun colega artista, reivindica a importancia de non pensar en exceso ao crear, para non perder aquilo esencial que a pintura revela por si mesma. Llorca destaca que a verdade da obra non reside na idea nin no discurso que a acompaña, senón na propia pintura, como demostraron mestres como Picasso, Velázquez ou Rothko.
O artista deterase tamén no papel do debuxo como primeiro encontro co espazo baleiro e como exercicio íntimo que obriga a mirar e descubrir. A partir desa experiencia, entende a pintura como un xeito de encher o baleiro para dar forma ao inexplicable, afastándose da obsesión pola novidade e deixando que a obra fale por si mesma.
Finalmente, percorrerá as etapas do seu propio camiño creativo: aprender, rebelarse, desaprender, volver empezar e, por último, deixar que a pintura conduza o proceso. O discurso pecha cunha referencia aos seus debuxos máis recentes, realizados tras a pandemia, concibidos como un diario íntimo.
Os ”Martes das Artes” están patrocinados pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense
JORGE LLORCA
Jorge Llorca (Ferrol, 1952) é un artista plástico e escritor galego cunha traxectoria de máis de cinco décadas. Formado en Belas Artes en Barcelona e Madrid, licenciouse pola Escuela de Bellas Artes de San Fernando e desenvolveu unha destacada carreira docente como catedrático de Debuxo artístico e Cor na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.
A súa obra pictórica foi exposta en numerosas galerías e institucións de Galicia, España e Portugal, incluíndo retrospectivas en centros como o Torrente Ballester de Ferrol. Participou en feiras, certames e mostras colectivas de referencia, obtendo diversos premios e recoñecementos ao longo da súa carreira.
Como escritor, é autor de varias novelas e foi galardoado co Premio Xerais de Novela por O violín de Rembrandt (2014) e co Premio Vicente Risco de Creación Literaria por O anxo de Durero (2020). A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas como as do Museo Quiñones de León, o Museo Bello Piñeiro, Caixanova, Caixa Vigo ou a Xunta de Galicia.


.jpg)



